Boletín informativo das 13:00 horas do día 03/01/18

mércores, 3 Xaneiro, 2018 - 13:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un accidente de tráfico deixa tres feridos, un deles grave, en Bertamiráns (Ames)

Tres persoas resultaron feridas, unha delas grave, ao saírse da vía o turismo no que viaxaban polo acceso de Bertamiráns á AG-56 en dirección a Santiago.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o accidente produciuse pouco antes das doce deste mediodía na rotonda do acceso norte á Autovía de Brión.

Como consecuencia do sinistro, tres persoas resultaron feridas e foron trasladadas por Urxencias Sanitarias ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para ser atendidos das lesións que presentan, que, no caso dun dos feridos, eran de gravidade.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia tivo coñecemento do suceso a través dunha chamada dos servizos sanitarios e, a partir de aí, avisouse ao GES de Brión e axentes da Garda Civil de Tráfico.

 

Tres persoas resultaron feridas a causa dunha colisión frontal en Arzúa

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta mañá a tres persoas que resultaron feridas, dúas delas de gravidade, como consecuencia dun choque frontal entre dous turismos.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o sinistro produciuse ás 9:00 horas de hoxe na N-547, concretamente no punto quilométrico 65, á altura da fábrica de coiro de Arzúa.

O impacto entre os dous turismos provocou que os condutores de ambos os dous vehículos e un acompañante quedaran atrapados, polo que tiveron que intervir os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de localidade.

Unha vez liberados, os feridos foron atendidos polos profesionais de Urxencias Sanitarias, que, nunha primeira valoración, comprobaron que dous dos tres afectados presentaban lesións graves.

Ademais dos bombeiros, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia avisou aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos membros do servizo de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento co fin de restablecer as condicións de seguridade viaria e eliminar os restos de aceite que se verteu na calzada tras producirse o accidente.