Escuchar

A policía evacuou un edificio tras declararse un incendio nun baixo en Culleredo

Os axentes da Policía Local desaloxaron esta tarde un edificio situado na Rúa Ferrocarril, en Culleredo, tras producirse un incendio nun baixo aínda en construción.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o lume iniciouse ás 12:40 horas de hoxe no falso teito, concretamente nos condutos de insonorización do baixo, o que provocou unha intensa fumareda que foi percibida polos ocupantes das vivendas superiores. Así, os axentes da Policía Local procederon á evacuación da totalidade do inmoble co fin de evitar intoxicacións por inhalación de fume e facilitar, tamén, a extinción aos efectivos de emerxencia.

Deste xeito, garantiuse a protección dos veciños deste bloque de vivendas e ninguén resultou afectado.

Mentres, para atallar o lume, os bombeiros de Arteixo e Betanzos tiveron que desmontar todo o falso teito, que resultou afectado practicamente na súa totalidade, ben por mor do incendio, ben porque tiveron que rompelo; así como as instalacións do gas, auga e electricidade.

En total, os bombeiros estiveron traballando na extinción deste lume arredor de catro horas e, cando o tiñan sufocado, as lapas se reavivaron o que provocou unha nova saída dos efectivos do parque de Arteixo.

Os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento barallan a posibilidade de que o lume se producira por unha chispa que saltou mentres uns traballadores realizaban traballos de soldadura.

Ademais dos bombeiros e das forzas de seguridade locais, acudiron ao lugar os membros do Servizo de Protección Civil da localidade alertados polo persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.

 

Resultan ilesos os ocupantes de seis vehículos implicados nunha colisión en Vigo

Un total de seis vehículos colidiron na circunvalación de Vigo sen que se rexistraran persoas feridas. En concreto, o accidente produciuse arredor das catro desta tarde na circunvalación entre a estación de autobuses e a Rúa Castelao.

O CIAE 112 Galicia recibiu a alerta a través da chamada dun particular, que desde o primeiro momento indicou que non había persoas afectadas.

Ata o lugar se desprazaron os axentes da Policía Local, alertados polo persoal do 112.