Escuchar
venres, 12 Outubro, 2018

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta madrugada a unha persoa que resultou intoxicada debido ao fume provocado por un incendio na súa vivenda.

Ocorreu ás 5:30 horas da madrugada nun domicilio da Ronda de Outeiro, na Coruña. Foi un veciño quen, ao detectar fume nas escaleiras do edificio, contactou co 112 Galicia para pedir axuda. Decontado, informouse aos bombeiros da cidade, que localizaron a orixe do incendio nun colchón no interior dunha das vivendas.

Pola súa banda, o equipo do 061-Urxencias Sanitarias que acudiu ao lugar trasladou a unha persoa que resultou afectada pola inhalación de fume.

Un teléfono móbil causa un incendio en Poio
Tamén no concello pontevedrés de Poio rexistrouse outro incendio provocado por un teléfono móbil. Ocorreu ás 6:20 horas desta madrugada, cando os ocupantes da vivenda sentiron un estouro e inmediatamente comezou a arder un móbil enchufado á rede eléctrica para renovar a carga. O incendio colleu magnitude e arrasou un sofá e afectou ao resto da vivenda debido á nube de fume que se formou. Por fortuna, ninguén resultou afectado.

Tras recibir a alerta, o persoal do 112 Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros de Ribadumia, Pontevedra e membros do GES de Sanxenxo que se dirixiron ao domicilio situado no lugar de Valiña para sufocar o lume. No operativo tamén interviñeron os axentes da Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil de Poio.