Escuchar
luns, 24 Setembro, 2018

Unha menor foi evacuada nun helicóptero medicalizado tras resultar ferida de consideración nun dobre accidente ocorrido en Vilanova de Arousa.

Sobre as 09:00 horas desta mañá, un particular poñía en alerta ao 112 Galicia. Indicaba que se trataba dun accidente entre tres vehículos e un autobús escolar. 

Tras pasar o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, decontado, o persoal sanitario comunicou ao 112 a saída cara o punto do helicóptero medicalizado con base en Santiago, debido á gravidade dos feitos.

Ata o lugar, ademais dos axentes de Tráfico desprazáronse os Bombeiros de Vilagarcía, que nada mais chegar, relataron o acontecido aos xestores de emerxencia. Indicaron que se tratou  dun choque entre dous turismos na PO-307, á altura de Deiro, dirección Cambados e no que non houbo que lamentar danos persoais. Sen embargo, debido a este accidente, produciuse outro choque entre outro turismo e un autobús escolar e  no que viaxaban dez escolares que se dirixían a un centro escolar de Cambados.  No turismo,  viaxaba unha menor que resultou ferida de consideración e foi trasladada na aeronave ao Hospital Clínico de Santiago. Con ela viaxaba  súa nai, que tamén resultou ferida e foi evacuada nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias.

Con todo, os servizos sanitarios de urxencia do 061 confirmaron que un dos escolares que viaxaba no autobús tamén resultou ferido, polo que, finalmente, foron tres os feridos, un trasladado ao Hospital Clínico de Santiago e dous ao Hospital do Salnés.

Unha vez evacuados os feridos, outro autobús recollía aos escolares para continuar o seu destino.