Escuchar
luns, 26 Marzo, 2018

Os bombeiros de Ordes liberaron esta tarde a unha muller que quedou atrapada no vehículo que no viaxaba despois de colidir cun camión en Ordes.

Os datos facilitados ao 112 Galicia indican que o choque produciuse ás 17:30 horas de hoxe na DP-3802, que une a localidade con Pontecarreira, ao paso polo lugar de Folgoso. Neste punto, unha furgoneta con remolque, na que viaxaban tres persoas; e un camión colidiron, o que provocou que un dos ocupantes da furgoneta, unha muller, quedase atrapada no interior e necesitase da axuda dos bombeiros para abandonar o vehículo.

Así, os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Ordes procederon á súa excarceración para o seu posterior traslado nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao complexo hospitalario de referencia.

Ademais, na furgoneta viaxaban outras dúas persoas, un home e unha menor, que tamén necesitaron asistencia médica, aínda que estaban liberados e accesibles.

Pola súa banda, o condutor do camión, que resultou ileso, foi unha das primeiras persoas que contactaron co 112 Galicia para pedir axuda, o que permitiu pór en marcha este operativo de rescate, no que, ademais dos bombeiros, interviñeron os axentes da Garda Civil de Tráfico e persoal de limpeza e mantemento do organismo titular da vía.

Atropelo Ourense
Por outra banda, unha muller resultou ferida despois de ser alcanzada por un autobús cando se desprazaba pola Rúa Curros Enríquez, en Ourense.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o accidente produciuse minutos antes das seis desta tarde e ata ao lugar acudiu un equipo do 061-Urxencias Sanitarias para atender á ferida, que perdeu a consciencia.

Foi a chamada dun particular ao 112 o que permitiu activar este operativo no que, ademais dos servizos sanitarios de urxencia, participaron os axentes da Policía Local e foron informados os bombeiros da cidade, aínda que a muller estaba liberada e accesible.

Camión cisterna envorcado na Pastoriza
Ademais, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu esta tarde a chamada dun particular que alertaba dun accidente no que se viu implicado un camión cisterna que perdeu parte da súa carga nun prado.

Segundo relatou, arredor das 15:30 horas de hoxe, o vehículo saíuse da vía cando circulaba por unha pista do lugar de Miñotelo, no Concello da Pastoriza. O condutor resultou ileso, pero parte da carga de xurro que transportaba verteuse nun prado.

Desde  o CIAE 112 Galicia pasouse aviso ao bombeiros de Vilalba que atallaron a mancha con terra con fin de evitar que alcanzase algún regato. Así, unha vez confinada, procederon á súa limpeza sen que se rexistrasen danos.