Escuchar

Un motorista ferido nun circuíto das Neves

Unha persoa resultou ferida esta mañá nas Neves ao sufrir un accidente coa moto que pilotaba. Ocorreu durante unha proba deportiva que se estaba a celebrar nun circuíto. 

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ás 11:00 horas desta mañá, a través dun aviso de Urxencias Médicas. Segundo se indicou, aínda que a organización do evento contaba con recursos asistenciais, ao lugar estabase a enviar unha segunda ambulancia.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou dos feitos á Garda Civil de Tráfico. 

Accidente de quad
Ademais, en Santiago, unha persoa resultou ferida ao sufrir un accidente de quad. Os feitos tiveron lugar nunha pista forestal da zona de Brins. 

O 112 Galicia recibiu unha alerta de Urxencias Médicas ás 12:30 horas desta mañá. Dende a central de emerxencias do 112 alertouse aos Bombeiros de Santiago, a Protección Civil, á Policía Local, á Garda Civil e a Garda Civil de Tráfico. 

Dadas as condicións do terreo, a persoa foi trasladada polos seus compañeiros ata o punto no que agardaban os medios sanitarios. Acto seguido, foi evacuada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. 

 

Interrompido o tráfico ferroviario en Vilamartín de Valdeorras pola caída duns cables

A esta hora permanece cortado o tráfico ferroviario no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras, á altura de Arcos, pola caída ás vías duns cables da catenaria.

Unha persoa particular deu a voz de alarma ao 112 Galicia ás 10:20 horas desta mañá. Segundo explicou, un vello poste de madeira en desuso caeu sobre os cables da catenaria, provocando a súa rotura. 

Dende a central de emerxencias do 112 Galicia alertouse ao Adif. Nestes intres, persoal de mantemento traballa na zona para resolver a incidencia.