Boletín informativo das 19:00 horas do día 22/09/17

venres, 22 Setembro, 2017 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12.00 e as 18:00 horas

Trasladadas sete persoas despois dunha colisión múltiple en Mos

Sete persoas tiveron que ser trasladadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro despois de producirse unha colisión entre tres coches en Mos. O sinistro tivo lugar no punto quilométrico 14 da A-55, sentido Vigo.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 14:50 horas a través da alerta do 061-Urxencias Sanitarias.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros do Baixo Miño e de Protección Civil.

Saída de vía e atropelo
Por outra banda, o 112 Galicia recibía a alerta dunha saída vía e un atropelo en Poio. Segundo os datos facilitados ao 112, un turismo envorcou na PO-308, nas inmediacións do mirador de Raxó. Dúas persoas resultaron feridas tras o sinistro. Ademais, a condutora do coche requiriu asistencia médica por mor dun golpe no peito.

Foron varios particulares os que alertaban á central do 112 Galicia ao fío das 17:15 horas. Indicaban no seu relato que se producira un atropelo e un coche estaba envorcado. Engadían que había dúas persoas feridas de gravidade, pero se atopaban accesibles.

Con estes datos, dende o CIAE 112 Galicia informouse ao 061-Urxencias Sanitarias. Tamén se pasou o aviso á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, ao GES de Sanxenxo, aos Bombeiros de Ribadumia e ao servizo de mantemento da estrada.

Colisión entre coche e camión
Ademais, unha colisión entre un coche e un camión en Carballo saldouse co condutor do turismo ferido. Segundo os datos que facilitaron os Bombeiros da localidade ao 112 Galicia, o automóbil chocou lateralmente co camión e despois bateu contra un obstáculo fóra da vía. Ademais, a causa do impacto, a circulación viuse condicionada ao quedar o camión no medio dun carril.

O accidente ocorreu no lugar de Vivente, na parroquia de Ardaña, ao fío das 13:00 horas. Foi nese momento cando o persoal do 061-Urxencias Sanitarias alertaba do sinistro ao 112 Galicia.

A partir de aí, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasábase o aviso á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil e aos Bombeiros de Bergantiños.

Finalmente, o ferido foi trasladado a un centro de saúde e a dotación do parque comarcal levou a cabo a limpeza da vía.