Boletín informativo das 19:00 horas do día 20/03/18

martes, 20 Marzo, 2018 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Localizado o corpo do home que desapareceu o domingo en Pontevedra

O corpo do varón que desaparecera en Pontevedra foi localizado esta tarde na praia de Areas. O home levaba en paradoiro descoñecido desde o pasado domingo ás 12:15 horas, cando foi visto por última vez no lugar de Santa Margarita, na parroquia de Mourente.

O 112 Galicia tivo constancia da desaparición do varón ás 8:45 horas de onte, a través do aviso da Policía Nacional de Pontevedra, que coordinou o operativo de busca.

A partir de aí, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informouse do ocorrido aos voluntarios de Protección Civil de Pontevedra, que se sumaron á procura.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o corpo atopado esta tarde na praia de Areas trátase, posiblemente, do mesmo cadáver que foi divisado por un grupo de persoas que practicaban surf na praia de Canelas, en Sanxenxo, o pasado domingo.

Neste caso, os deportistas comunicaban ao 112 Galicia ás 19:30 horas do domingo que estaban vendo o corpo dun home flotando na auga a 300 metros da beira.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento da Sala de Garda Costas de Galicia e de Salvamento Marítimo, que coordinou o operativo de busca do cadáver e mobilizou dúas embarcacións e ao helicóptero Pesca-I.

Do mesmo xeito, alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local de Sanxenxo e Bueu, aos efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Sanxenxo, a Protección Civil de Bueu e á Garda Civil, que tamén enviou unha lancha á zona.

 

Unha colisión entre un camión, unha furgoneta e un turismo en Ribeira sáldase con tres persoas feridas

Tres persoas resultaron feridas nunha colisión múltiple na que se viron implicados un camión, unha furgoneta e un coche en Ribeira. Segundo puido saber o 112 Galicia, as vítimas tiveron que ser trasladadas a un centro hospitalario.

O accidente ocorreu na estrada que une Ribeira e Noia, ao fío das 12:55 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibía a alerta a través dunha persoa implicada no sinistro.

Decontado, dende o CIAE 112 Galicia pasábase o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Ribeira e ao servizo de mantemento da estrada.

Colisión múltiple
Por outra banda, en Vigo, un motorista tivo que ser atendido polo 061-Urxencias Sanitarias despois de chocar contra dous turismos co seu vehículo. Sucedeu na Avenida de Castrelos, á altura do número 22.

Un particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do accidente ás 12:35 horas. De inmediato, o persoal do CIAE 112 Galicia informaba do ocorrido ao servizo sanitario, á Policía Local, aos Bombeiros de Vigo e a Protección Civil.