Boletín informativo das 19:00 horas do día 18/03/18

domingo, 18 Marzo, 2018 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Rescatado o condutor dun turismo que envorcou en Santa Cristina de Fecha, Santiago

Os bombeiros liberaron a un home que quedou atrapado tras envorcar o coche que conducía en Santa Cristina de Fecha, en Santiago.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o sinistro produciuse pouco despois da unha desta tarde, na estrada de Portodemouro a Belén. No interior do coche viaxaban un home e unha muller, que saíu do seu vehículo polos seus propios medios e resultou ilesa.

Pola contra, o home foi evacuado ao complexo hospitalario de referencia para ser atendido das feridas provocadas polo impacto. Ademais, necesitou da axuda dos bombeiros, que tiveron que forzar a porta do vehículo para poder sacar ao ferido.

Unha vez liberado, foi atendido por un equipo do 061-Urxencias Sanitarias que se desprazou ao lugar do accidente a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago. Sen embargo, o home puido ser, finalmente, trasladado en ambulancia.

A chamada dun particular ao 112 Galicia permitiu activar este operativo no que, ademais dos profesionais sanitarios e os bombeiros, participaron os voluntarios de Protección Civil de Santiago e os axentes da Garda Civil de Tráfico.

Colisión en Caldas
Por outra banda, ás cinco desta tarde, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa que acababa de sufrir un accidente co vehículo que conducía. Segundo relatou, colisionou contra outro turismo no lugar de Saiar e, aínda que non estaba atrapado, pediu axuda para saír do vehículo.

Igualmente, pediu asistencia médica, xa que, a consecuencia do impacto, recibiu un forte golpe na cabeza, aínda que en todo momento estivo consciente e mantendo comunicación co persoal do 112.

Deste xeito, desde o CIAE 112, avisouse aos bombeiros de Vilagarcía e aos voluntarios de Protección Civil da localidade, que colaboraron cos servizos sanitarios na atención do ferido.