Boletín informativo das 19:00 horas do día 18/01/18 | Axega

Escuchar

Falece unha persoa en Cerdedo-Cotobade ao caer por unha pendente o coche no que circulaba

Unha persoa faleceu en Cerdedo-Cotobade ao caer por unha pendente o turismo no que viaxaba. O accidente ocorreu no lugar de Vilar, na parroquia de Figueiroa.

Foi un particular quen contactou co 112 Galicia ás 16:15 horas para dar conta do sinistro. Sinalaba no seu relato que atopara un coche accidentado cunha persoa posiblemente falecida no seu interior.

Acto seguido, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Ademais, o persoal do CIAE informou do ocorrido ao GES da Estrada, aos Bombeiros do Deza, a Protección Civil, aos Bombeiros de Pontevedra e á Garda Civil de Tráfico.

 

Unha muller trasladada despois dunha colisión frontal en Paderne

Unha colisión frontal entre dous coches en Paderne saldouse cunha muller ferida. Segundo puido saber o 112 Galicia, a vítima tivo que ser trasladada a un centro hospitalario.

O sinistro tivo lugar na N-651, concretamente no punto quilométrico 8,100.

Un particular alertaba do accidente ao 112 Galicia ás 16:45 horas. A partir de aí, dende o CIAE informábase do ocorrido ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Betanzos e á Garda Civil de Tráfico.

 

Desaloxada unha gardaría en Monforte de Lemos tras saltar a alarma de incendios

Unha gardaría en Monforte de Lemos tivo que ser desaloxada esta tarde ao saltar a alarma de incendios. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, no local atopábanse 25 menores, que foron evacuados.

Os feitos producíronse na rúa Camino de Cobas, ao fío das 13:30 horas. Nese momento, o 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través da alerta dun particular. Indicaba no seu relato que todos os menores xa estaban fóra e engadía que non detectaban lume nin fume.

Con estes datos, o persoal do CIAE pasaba o aviso aos Bombeiros de Monforte, á Policía Local e a Protección Civil.

Unha vez na gardaría, a dotación non atopou indicios de fume nin lume. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, todo apunta a que un calefactor provocou que soase a alarma. Finalmente, os menores regresaron ás aulas.