Boletín informativo das 19:00 horas do día 17/03/18

sábado, 17 Marzo, 2018 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un motorista faleceu en Cambre tras sufrir un accidente co seu vehículo

Un motorista perdeu a vida en Cambre despois de sufrir un accidente co vehículo que conducía no lugar da Pena da Nosa Señora, en Cambre.

Os datos facilitados ao 112 Galicia indican que, arredor das 13:30 horas de hoxe, unha moto e un turismo colidiron ao pasar A Barcala e, a causa do impacto, o motorista faleceu.

Ao lugar acudiron os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, pero nada puideron facer por salvar a vida do home.

Tamén se desprazaron os axentes da Policía Local e Garda Civil de Tráfico, así como os voluntarios de Protección Civil, que colaboraron na limpeza da vía.

Dous feridos graves en Muxía
Ademais, en Muxía, un menor e un adulto resultaron feridos de gravidade tras ser alcanzados por un turismo no lugar de Sorna.

Concretamente, o atropelo produciuse preto das catro desta tarde na DP- 2303, que une Muxía con Cee.

Foi un particular quen alertou ao persoal do 112 Galicia, que, de inmediato, avisou aos servizos sanitarios de urxencia.

Así, ao lugar acudiu un equipo do 061-Urxencias Sanitarias a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago debido á gravidade das lesións que presentaban os feridos.

Finalmente, ambos os dous foron trasladados ao complexo hospitalario de referencia.

Pendentes dun accidente no Vicedo
Por último, sinalar que, ás 18:30 horas de hoxe, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 tivo constancia dun accidente no Vicedo, onde un turismo caeu por un desnivel duns catro metros aproximadamente. No interior viaxaban polo menos dúas persoas, das cales unha necesita axuda para saír do vehículo.

Por iso, desde o 112, avisouse ao bombeiros de Viveiro, que xa se atopan no lugar do accidente. Tamén están informados os servizos sanitarios e os membros da Garda Civil. 

Segundo indicaron as persoas que chamaron ao 112 para alertar, o accidente produciuse no lugar de Moreiras, na estrada que une O Vicedo con Viveiro.