Boletín informativo das 19:00 horas do día 17/01/18 | Axega

Escuchar

Evacuado en helicóptero un home que quedou atrapado debaixo dun matraquillo en Boiro

Un home tivo que ser trasladado no helicóptero medicalizado con base en Santiago do 061-Urxencias Sanitarias ao quedar atrapado entre as rodas do matraquillo que manexaba en Boiro. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima foi excarcerada polos Bombeiros da localidade.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través da alerta dun particular ás 17:35 horas. Indicaba que un home tivera un accidente cun matraquillo nunha leira da parroquia de Cespón, na rúa da Igrexa.

Acto seguido, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose a situación en coñecemento do persoal sanitario, dos Bombeiros de Boiro, de Protección Civil, da Policía Local e da Garda Civil.

 

Unha moza, ferida ao caerlle enriba un tronco dunha árbore en Ortigueira

Unha moza resultou ferida en Ortigueira despois de caerlle enriba un tronco dunha árbore mentres paseaba pola Praia de Morouzos. Os feitos ocorreron ao fío das 17:30 horas.

Foi nese momento cando a ferida contactaba co 112 Galicia para alertar do sucedido. Indicaba no seu relato que unha onda moi forte levantara un tronco e caera sobre ela. Engadía que non se podía mover.

Con estes datos, o persoal do CIAE pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local e ao GES de Ortigueira. Ademais, dende o CIAE informouse do ocorrido aos Bombeiros do Eume.

Unha vez no lugar dos feitos, os axentes da Policía Local e os efectivos do GES liberaron á moza levantando o tronco. Finalmente, a ferida foi trasladada nunha ambulancia ata un centro médico.