Boletín informativo das 19:00 horas do día 15/04/18

domingo, 15 Abril, 2018 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Evacuada unha muller por mor dun incendio que calcinou case por completo a súa vivenda

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron a unha muller que presentaba síntomas de intoxicación por inhalación de fume provocada por un lume declarado no interior da súa vivenda.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o incendio comezou arredor das 11:30 horas de hoxe nunha casa situada no lugar Vilabol, nas Nogais. En canto os veciños se decataron do lume, evacuaron o inmoble incluidos os animais gardados nas cuadras.

Con todo, a dona da vivenda necesitou ser atendida por un equipo do 061-Urxencias Sanitarias por unha posible intoxicación por inhalación de fume, polo que foi trasladada ao Punto de Atención Continuada do Centro de Saúde de Becerreá para someterse a un recoñecemento médico.

Pola súa banda, os recursos de emerxencias estiveron traballando na extinción do lume, que devorou case por completo a vivenda, agás unha zona adosada na que había unhas catro habitacións.

Igualmente, permanecerá un retén no lugar co fin de garantir unha pronta intervención no caso de que se reavive o lume.

Cómpre sinalar que este operativo activouse tras a chamada dun particular ao 112 Galicia, o que permitiu movilizar aos membros do GES de Becerreá, os bombeiros de Sarria e efectivos do Concello, que traballaron ata pasadas as seis da tarde na extinción dun lume con unha importante carga de combustión.

 

Cinco persoas resultaron feridas en dous accidentes rexistrados en Culleredo e Barbadás

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo coñecemento esta tarde de dous accidentes que se saldaron cun total de cinco persoas feridas.

O primeiro accidente produciuse pasadas as tres da tarde na Rúa da Costa da Lonxa, en Culleredo, onde bateron dous turismos. Como consecuencia do impacto, tres persoas foron evacuadas por un equipo do 061-Urxencias Sanitarias.

Tamén acudiron os efectivos do servizo local de Protección Civil que colaboraron para a limpeza da vía e o restablecemento das condicións de seguridade da vía.

Por outra banda, en Barbadás, dúas persoas necesitaron asistencia médica por mor das lesións provocadas pola caída da moto na que viaxaban.

Sucedeu pasadas as catro da tarde na OU-540, en dirección a Celanova. Ao lugar do accidente acudiron os profesionais sanitarios e os membros do GES de Pereiro de Aguiar, aínda que os afectados estaban liberados e accesibles.