Boletín informativo das 19:00 horas do día 14/04/18

sábado, 14 Abril, 2018 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un accidente múltiple deixa dúas persoas feridas en Silleda

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta tarde a dúas persoas que resultaron feridas tras un accidente múltiple, no que se viron implicados dúas motocicletas e un turismo.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro rexistrouse ás cinco desta tarde na N-550, no lugar de Taboada, en Silleda.

Como consecuencia do golpe, dúas persoas necesitaron asistencia médica e foron trasladadas por un equipo do 061-Urxencias Sanitarias á Clínica Deza.

Por outra banda, na Guarda, outras dúas persoas foron evacuadas ao hospital despois dunha colisión entre dous turismos.

Segundo indicaron as persoas que chamaron ao 112, entre os feridos, había unha muller embarazada.

Ao lugar acudiron os servizos sanitarios de urxencia, así como as forzas de seguridade e membros do GES da localidade.

O sinistro rexistrouse ás 14:30 horas de hoxe na explanada na que se instala o mercadillo semanal.