Boletín Informativo das 19:00 horas do día 06/12/17

mércores, 6 Decembro, 2017 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Rescatados dous mozos sans e salvos tras caer á auga despois de envorcarlles a embarcación en Noia

Efectivos do Servizo de Protección de Noia rescataron esta tarde a dous mozos que caeron á auga tras envorcar a embarcación coa que navegaban. Ao fío das 18:00 horas, un particular chamou ao 112 Galicia alertando do suceso. Indicaba que unha embarcación pequena de remos envorcara ao final do Paseo Marítimo, preto da Ponte Nova e os dous tripulantes caeran á auga. Aseguraba que os levaba a corrente.  

De inmediato, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE) puxo en alerta ao persoal de Salvamento Marítimo, Servizo de Garda Costas, 061 e á Garda Civil. No transcurso da chamada axentes da Policía Local indicaron que se dirixían neses intres ao punto, así como os efectivos de Protección Civil cunha zódiac.

Afortunadamente, os dous rapaces puideron ser rescatados polos membros do Servizo de Protección Civil. Segundo indicaron, atopábanse ben pero con moito frío. Ían ser trasladados ata o Porto de Testal.

 

Ferido de carácter leve un neno despois de colidir dous turismos en Verín

En Verín, un neno resultou ferido esta tarde despois de colidir dous turismos no lugar de Ábedes. Ao fío das 17:00 horas un particular alertaba ao 112 Galicia do accidente. Indicaba que debido ao golpe, un neno que viaxaba nun dos vehículos resultara ferido, aínda que non parecía revestir gravidade.

Nada mais recibir a chamada do alertante, os xestores do CIAE  pasaron aviso decontado ao 061-Urxencias Sanitarias e informaron do suceso á Garda Civil de Tráfico, Bombeiros e Protección Civil da localidade.