Escuchar

Os bombeiros liberaron a unha muller atrapada tras saírse da vía o vehículo que conducía en Outeiro de Rei

Os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Vilalba rescataron esta tarde a unha muller atrapada no interior do vehículo que conducía despois de saírse da vía e caer por unha cuneta.

Ocorreu ás 16:30 horas de hoxe na N-VI en sentido A Coruña, pouco antes de alcanzar o lugar de Robra, en Outeiro de Rei. Ata alí se desprazaron os bombeiros de Vilalba alertados polo persoal do 112 Galicia para liberar á condutora que tiña dificultades para abandonar o vehículo.

Unha vez fóra, puido ser atendida polos profesionais de Urxencias Sanitarias, que a trasladaron ao centro hospitalario de referencia.

Do mesmo xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pediron a colaboración do servizo de limpeza e mantemento do Ministerio de fomento co fin de restablecer as condicións de seguridade viaria.

Foron varios os particulares que se puxeron en contacto co 112 Galicia para informar do suceso, o que permitiu activar este operativo de rescate que completaron os axentes da Garda Civil de Tráfico.

 

Unha nave industrial resultou afectada a causa dun lume que calcinou un elevador eléctrico en Padrón

Unha nave industrial da Escravitude (Padrón) viuse afectada esta tarde por un incendio que calcinou un elevador eléctrico e provocou unha intensa fumareda que provocou danos en todo o local.

Por fortuna, a nave estaba pechada e sen actividade no momento no que se produciu o lume, o que evitou que houbese persoas feridas.

Con todo, os efectos do incendio, especialmente da acumulación de fume que se orixinou no interior da nave, ocasionou danos importantes en todo o local.

Na extinción do lume estiveron traballando os membros do GES de Padrón e do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Boiro desde as 14:30 horas, momento no que o 112 Galicia recibiu a alerta, ata as 16:30 aproximadamente, cando volveron ás súas bases.

Foi un veciño quen contactou co 112 Galicia en canto percibiron as lapas subindo pola fachada da nave. Iso permitiu activar un operativo que completaron os axentes da Policía Local e mesmo Urxencias Sanitarias, que finalmente non atendeu a ningún ferido.