Escuchar

Excarcerada unha muller tras un accidente de tráfico en Vigo

Unha muller resultou ferida esta tarde en Vigo ao envorcar o turismo no que viaxaba. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser excarcerada polos Bombeiros do Porriño, ao quedar atrapada no interior do coche. Unha vez liberada, a muller foi trasladada a un centro hospitalario.

O accidente tivo lugar na A-55, á altura da saída 7A, sentido O Porriño. Un particular contactaba co 112 Galicia ao fío das 15:15 horas para dar conta do sinistro.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Porriño, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil de Mos e de Vigo. Ademais, dende o CIAE informouse do ocorrido aos Bombeiros de Vigo.