Boletín informativo das 13:00 horas do día 17/01/18

mércores, 17 Xaneiro, 2018 - 13:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un operario resultou ferido de gravidade tras caer dunha altura en Culleredo

Os servizos sanitarios de urxencia están a atender a un operario que resultou ferido grave ao caer dunha altura duns dous metros mentres traballaba nun taller situado no Polígono Industrial de Alvedro, en Culleredo.

A alerta chegou hai escasa media hora ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia a través de Urxencias Sanitarias, que enviou unha UVI móbil ao lugar do accidente.

Pola súa banda, o persoal do CIAE informou da situación aos axentes da Garda Civil e aos membros do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.

Ferido cunha motoserra
Tamén en Culleredo, esta mañá un home tivo que ser evacuado por mor dun corte cunha motoserra á altura do pescozo.

Ocorreu minutos antes das doce deste mediodía nun domicilio situado no Lugar de Barrio. Ata alí se desprazaron os profesionais sanitarios, así como os efectivos do servizo local de protección civil, que confirmaron que o home presentaba lesións arredor da clavícula, polo que foi trasladado en ambulancia ao hospital máis próximo.

Igualmente, os servizos de emerxencias descartaron que fose un accidente laboral, xa que o ferido estaba a realizar traballos domésticos.

 

Un camión perde parte da súa carga a causa dun accidente de tráfico na AC-12, na Coruña

Un camión bañeira cargado con millo perdeu parte da súa carga despois de bater cun turismo na AC-12, preto da Ponte Pasaxe.

Por fortuna, ninguén resultou afectado, pero boa parte da carga do camión quedou ciscada pola vía, o que dificultou a circulación dos vehículos.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pediuse a colaboración do persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento co obxectivo de retirar os restos e restablecer as condicións de seguridade na vía.

O accidente rexistrouse ás 11:00 horas desta mañá.

Colisión múltiple en Mos
Un camión, unha furgoneta e un turismo víronse implicados nun accidente de tráfico que ocorreu esta mañá na A-55, ao seu paso polo concello de Mos.

Como consecuencia do impacto, unha persoa resultou ferida e tivo que ser evacuada nun ambulancia de Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario de referencia.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o sinistro produciuse ao fío das once desta mañá na A-55, en sentido ao Porriño. Alí se dirixiron os efectivos de emerxencias e os axentes de seguridade, alertados polo persoal do CIAE 112 Galicia.