Un choque entre un camión e unha furgoneta deixa unha persoa ferida e atrapada no interior dun dos vehículos en Riós
Os Bombeiros de Verín excarceraron esta mañá a un condutor que quedou atrapado no interior do vehículo que conducía despois de chocar contra un camión.
Ao fío das 09:30 horas, o mesmo camioneiro comunicaba ao 112 Galicia que unha furgoneta chocara contra o seu camión ao paso da A-52, dirección Benavente, entre Fumaces e A Trepa, á altura do concello ourensá de Riós. No seu relato, aseguraba que a persoa estaba consciente pero ferida e atrapada no interior do vehículo.
Con estes datos, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios de urxencia, dos Bombeiros de Verín e dos membros do GES da Gudiña. Así mesmo, solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico e a dos efectivos de Protección Civil da localidade.
Nada mais ser liberado, o condutor foi trasladado nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao Hospital de Verín.
Tres feridos en Nigrán
Un atropelo dunha moto a dous peóns deixou tres persoas feridas esta mañá en Nigrán.
Como consecuencia do atropelo resultaron feridos o motorista e dous peóns que –neses intres- camiñaban pola Rúa Poto do Molle, en Parada. Así o relataba o particular, que sobre as 10:30 horas, chamou ao 112 Galicia para alertar do suceso.
Con estes datos, dende o CIAE pasouse aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, GES de Valmiñor, Policía Local e a Protección Civil de Nigrán.
Os tres feridos foron trasladados polo persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia.