Escuchar

Unha nai e o seu fillo foron evacuados tras producirse unha fuga de gas no seu domicilio

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta mañá a unha nai e ao seu fillo de dous anos afectados por unha acumulación de monóxido de carbono no seu domicilio.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o suceso tivo lugar ás 11:20 horas de hoxe nunha vivenda da Urbanización dos Verxeles, no concello coruñés de Teo.

Ata alí desprazouse un equipo do 061-Urxencias Sanitarias, que trasladou aos afectados ao Centro de Saúde da localidade para seren sometidos a un recoñecemento médico.

Mentres, no domicilio, tanto técnicos da empresa subministradora do gas como os efectivos do GES da Estrada, continúan coa inspección para tratar de localizar a orixe da posible fuga. Unha fuga que foi percibida, en primeira instancia, polo detector instalado na ambulancia e que máis tarde confirmaron os membros do GES a través das correspondentes medicións.

Deste xeito, o servizo de emerxencias procedeu a ventilar a vivenda e disipar, así, a concentración de monóxido de carbono.