Escuchar

Unha muller foi evacuada con síntomas de intoxicación pola mala combustión dunha bombona en Camariñas

Unha veciña de Camariñas foi trasladada esta mañá ao Hospital Virxe da Xunqueira por mor dunha posible intoxicación por monóxido de carbono provocado pola mala combustión dunha bombona.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, a muller sufriu un esvaecemento que fixo sospeitar sobre unha posible intoxicación por inhalación dalgún gas no domicilio, así, en canto os servizos de emerxencias puideron acceder á vivenda, realizaron as correspondentes medicións, que confirmaron a concentración de monóxido de carbono.

Foi unha veciña quen contactou co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia despois de escoitar os berros da muller afectada, que tendida no chan, era incapaz de abrir a porta.

Sucedeu ás 8:30 horas de hoxe nun piso da Ponte do Porto, no concello coruñés de Camariñas e ata alí se desprazou un equipo de Urxencias Sanitarias, así como os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Cee e as forzas da orde.

 

Unha ambulancia sofre un accidente cando trasladaba a un doente en Boiro

Unha ambulancia sufriu un accidente cando trasladaba a un doente e á súa familia en Boiro. Ocorreu pouco antes das doce deste mediodía na estrada que une o municipio coruñés co de Noia, ao paso polo lugar de Beluso.

Segundo puido saber o persoal do 112 Galicia, a ambulancia saíuse da vía posiblemente a causa da chuvia e foi parar a un lameiro con risco de escorrer por un desnivel. Con todo, as persoas que viaxaban no interior (o equipo médico, doente e familiares) resultaron ilesas e puideron abandonar o vehículo unha vez que os bombeiros conseguiron estabilizalo.

Para iso, engancharon a ambulancia ao seu camión e a arrastraron ata un lugar seguro para facilitar a evacuación dos ocupantes.

Ademais dos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Boiro, os xestores do 112 Galicia pediron a colaboración das forzas da orde.

Un ferido en Santa Comba
Por outra banda, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia atendeu esta mañá outro accidente de tráfico rexistrado en Salgueiroas, no concello coruñés de Santa Comba.

Alí, un vehículo saíuse da vía e bateu contra un muro dunha vivenda. O condutor, que estaba liberado e accesible, necesitou asistencia médica por mor dunha dor no peito.

Unha vez recibida a alerta sobre as 9:30 horas de hoxe, o persoal do 112 Galicia pediu a colabroación dos bombeiros de Santa Comba, así como aos profesionais sanitarios e forzas da orde.

Un vehículo envorcado en Lalín
Tamén en Lalín outro vehículo se saíu da vía e acabou envorcado na PO-533, á altura das Tecedeiras. A muller que conducía o turismo presentaba diversas lesións polo que foi evacuada nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias ao centro médico máis próximo.

Pese a quedar envorcado o vehículo, a ferida estaba liberada e puido ser atendida polos profesionais sanitarios sen problema. Non obstante, o persoal do 112 Galicia pediu a colaboración dos membros do GES de Lalín e informou aos bombeiros do Deza.

O accidente rexistrouse minutos antes das dez desta mañá.