Boletín Informativo das 13:00 horas del día 13/09/17

mércores, 13 Setembro, 2017 - 13:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Atopan nun acantilado o corpo da muller de Foz  que levaba desaparecida dende onte

Localizada en Foz a muller –falecida- que dende onte as Forzas da Orde estaban na súa procura. Pasados uns minutos das 09:30 horas desta mañá, un particular indicaba ao 112 Galicia que se acababa de atopar co cadáver  dunha persoa nunha cala, no paseo que une Llas con Peizás, na localidade lucense de Foz. 

Foi nese momento cando o persoal do CIAE , de inmediato, alertou aos servizos sanitarios e ás Forzas da Orde. Tras indicar o alertante que o corpo se atopaba nun acantilado solicitouse, ademais, a colaboración dos Bombeiros de Barreiros, dos efectivos do GES de Cervo, de Protección Civil de Foz. Tamén se puxo en alerta ao Servizo de GardaCostas de Galicia e a Salvamento Marítimo, que desprazou a embarcación “Salvamar Aliot” ata o punto.

Finalmente, os Bombeiros e os membros do GES recuperaron o cadáver da persoa. Segundo lle indicou a Policía Local ao 112 Galicia, tratábase da muller que se buscaba dende onte, tras desaparecer dun Xeriátrico da localidade.

 

Unha persoa resulta ferida despois de envorcar en Mazaricos o camión que conducía

Un camión –de transporte de peixe- envorcou esta mañá e o seu condutor resultou ferido. No momento de producirse o accidente,  o vehículo circulaba pola estrada que vai de Pino de Val a Muros,  ao paso da localidade coruñesa de Mazaricos. Un particular, informaba ao 112 Galicia, sobre as 10:30 horas, dunha furgoneta envorcada no medio da calzada. Indicaba que había unha persoa no interior do vehículo - consciente- pero non podía asegurar si estaba atrapada. Así,  dende o 112 alertouse aos servizos sanitarios, Bombeiros de Santa Comba e aos axentes de Tráfico que, decontado, se desprazaron ata o lugar. Do mesmo xeito, informouse aos efectivos do GES de Muros e de Protección Civil de Mazaricos.

Unha vez no punto, os Bombeiros  e membros do GES confirmaron ao CIAE que non foi preciso excarcerar pero si sacaron á persoa do interior do turismo, que foi trasladada polo persoal sanitario ao Hospital La Rosaleda de Santiago de Compostela.

Feito o transvasamento da mercadoría a outro camión isotérmico e retirado o camión sinistrado, os servizos de emerxencia alí desprazados, encargáronse da limpeza da vía.

Colisión múltiple
En Santiago, unha persoa resultou ferida ao verse implicada nunha colisión entre tres turismos. Foi un particular quen, ao fío das 12:15 horas deste mediodía, informaba ao 112 Galicia dun accidente na Choupana, na Rúa Volta do Castro. Dende o CIAE pasouse aviso ao 061-Urxencias Sanitarias e á Policía Local. Tamén os Bombeiros e os efectivos de Protección Civil foron informados do suceso.