Boletín Informativo das 13:00 horas del día 12/09/17

martes, 12 Setembro, 2017 - 13:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha saída de vía deixa un ferido grave en Cortegada

Unha persoa resultou ferida tras saírse da vía cando circulaba ao paso da localidade ourensá de Cortegada. Ás 10:25 horas un alertante informaba ao 112 Galicia da saída de vía dun turismo na zona do Forno, ao redor do punto quilométrico 49.500. Aínda que o alertante aseguraba que non eran precisos medios de excarceración, si solicitaba asistencia para o condutor ferido.

Así, decontado, os profesionais do CIAE puxeron os feitos en coñecemento dos técnicos sanitarios que, debido á gravidade das lesións ocasionadas, indicaron que un helicóptero medicalizado se desprazaba cara o lugar, para a evacuación do ferido.

Así mesmo, o 112 Galicia informou do suceso aos axentes de Tráfico, aos efectivos do GES de Ribadavia e de Protección Civil de Cortegada, así como, aos Bombeiros do Carballiño. Ademais, foi precisa a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada.

Unha vez evacuado, o ferido, foi trasladado na aeronave ata o centro hospitalario de referencia.

Tres feridos leves en Marín
En apenas quince minutos, tres persoas resultaron feridas en dous accidentes ocorridos na localidade pontevedresa de Marín.

O CIAE tivo constancia do primeiro ás 12:25 horas deste mediodía. Tratouse dun coche que chocou contra un terraplén, no punto quilométrico 6.5 da PO-313, no lugar de Silvestre. Tras recibir a alerta dun particular, o 112 Galicia pasou aviso ao 061-Urxencias Sanitarias e aos axentes de Tráfico. Ademais, informou aos Bombeiros do Morrazo e ao persoal do servizo de mantemento da estrada.  

Uns minutos mais tarde, os servizos sanitarios informaban ao 112 Galicia dunha colisión por alcance -con dous feridos- entre dous turismos que circulaban pola Avenida de Ourense.  Tras recibir o aviso, dende o CIAE informouse á Policía Local, aos Bombeiros e aos efectivos de Protección Civil.

 

Ferida unha muller despois de colidir dous turismos en Foz

Unha muller resultou ferida esta mañá despois de colidir dous turismos á altura da localidade lucense de Foz, na estrada da Corredoira (LU-152). O CIAE tivo constancia do accidente pasados dez minutos das 10:30 horas,  grazas á chamada dun particular.

O alertante solicitaba axuda para socorrer a unha muller ferida que, debido ao impacto, non podían mover do interior dun dos turismos.

Ata o lugar desprazáronse, de inmediato tras ser alertados polo 112 Galicia, os servizos sanitarios, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Barreiros e os membros de Protección Civil de Foz. Os Bombeiros indicaron ao persoal do CIAE que non tiveron que excarcerar pero si retiraron o vehículo da accidentada da calzada.

Unha UVI móbil do 061 evacuou á ferida ao centro hospitalario de referencia.

Colisión múltiple en Santiago
Un choque entre tres vehículos saldouse cunha persoa ferida en Santiago de Compostela. O accidente ocorreu esta mañá, ao fío das 09:15 horas, na Rúa de Ulpiano Villanueva. Foi a esa hora, cando un dos implicados chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que había unha persoa accesible pero semiinconsciente no interior dun dos vehículos.

De inmediato, o persoal do CIAE alertou ao 061-Urxencias Sanitarias e á Policía Local. Tamén, puxo os feitos en coñecemento de Protección Civil e dos Bombeiros da cidade.