Boletín informativo das 09:00 horas do día 14/04/18

sábado, 14 Abril, 2018 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un incendio devora por completo unha vivenda e propágase á lindeira sen causar feridos

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou un lume que arrasou por completo unha vivenda habitada sen causar danos persoais.

O suceso tivo lugar nos Cerdeiros, no termo municipal de San Xoán de Río (Ourense), preto das sete da tarde de onte.

Segundo indicaron os servizos de extinción, o lume iniciouse na cheminea da casa e foise estendendo polo tellado ata arrasar por completo o inmoble e provocar danos na vivenda lindeira.

Na casa, había unha muller de avanzada idade, que resultou ilesa e abandonou a vivenda en canto se decatou do lume. Ela mesma pediu axuda a través dun familiar, que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda.

A partir dese momento, activouse un operativo no que participaron equipos de extinción da Central Forestal de Ourense, así como os membros do GES de Castro Caldelas, voluntarios de Protección Civil de Pobra de Trives e medios do Concello.

Os efectivos estiveron traballando na zona ata pasada a medianoite, pero a reactivación do lume obrigou aos medios a desprazarse de novo para sufocar algunas brasas que volvían a arder. Por iso, os servizos de emerxencias decidiron deixar no lugar un retén cunha motobomba co fin de asegurar unha pronta intervención no caso de que reavive unha vez máis o lume.