Boletín Informativo das 09:00 horas do día 13/09/17

mércores, 13 Setembro, 2017 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Dous feridos despois de envorcar o vehículo no que viaxaban en Lugo

Dúas persoas resultaron feridas –de carácter leve- ao envorcar o vehículo no que viaxaban despois de saírse da vía. O accidente ocorreu ao redor do punto quilométrico 1.800 da LU-232, en Lugo.

Ás 23:55 horas da noite pasada, un particular solicitaba axuda ao 112 Galicia. Indicaba que un coche envorcara e os dous ocupantes precisaban asistencia sanitaria aínda que segundo o seu relato, non parecían revestir gravidade.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE), decontado, puxo os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios de urxencia e da Garda Civil de Tráfico. Tamén, informou do suceso aos efectivos do GES de Guitiriz, de Protección Civil de Friol e dos Bombeiros de Lugo. Ademais, solicitou a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, que  se encargou da limpeza da vía.

Motorista ferido

En Cospeito, á primeira hora desta mañá, sobre as 07:00 horas o CIAE era informado dun choque entre un turismo e unha moto, ao redor do punto quilométrico 12 da LU-111. O alertante que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda, solicitaba asistencia sanitaria para o motorista.

Así, decontado, os profesionais do CIAE pasaron  aviso ao 061-Urxencias Sanitarias. Tamén, os axentes de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e o servizo de mantemento da estrada foron informados do accidente polo 112 Galicia.

 

Arde en Betanzos un palleiro con galiñas e coellos no seu interior

Ao redor das 23:00 horas da noite pasada, persoal sanitario alertaba ao CIAE dun incendio nun alpendre con animais no seu interior en Illobre, Pontellas, na localidade de Betanzos. Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais.

Nada mais recibir o aviso e contactar co alertante, o 112 Galicia informou aos Bombeiros de Betanzos. Tamén se solicitou a colaboración da Garda Civil e de Protección Civil. Segundo explicaron os membros de extinción, o lume foi sufocado na súa totalidade. Ardeu o galiñeiro por completo e os animais que se refuxiaban no seu interior.

As Forzas da Orde investigan as causas que puideron ocasionar o lume.