Boletín Informativo das 09:00 horas do día 07/12/17

xoves, 7 Decembro, 2017 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un incendio nunha casa de Ponteareas mobiliza aos servizos  de emerxencia

Os Bombeiros de Ponteareas extinguiron esta madrugada un incendio nun garaxe dunha vivenda particular, no lugar de Puzo, en Oliveira. Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais. Aínda que se descoñecen as causas que orixinaron o lume, todo parece indicar que unha caldeira de leña puido ser a orixe.

Ao fío das 22:00 horas da pasada noite, un particular chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que lle ardía a caldeira de leña na parte baixa da casa. Aseguraba que non había persoas afectadas, posto que todos os habitantes do inmoble saíran para fóra e retiraran tamén os vehículos do habitáculo.

Tras o aviso, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE) alertouse aos Bombeiros de Ponteareas que, decontado, se desprazaron ao punto. Do mesmo xeito, informouse da situación á Garda Civil, Policía Local e a Protección Civil. Tamén os Bombeiros de Vigo foron informados.

Sobre a 01:30 horas desta madrugada, os membros de extinción da localidade daban por finalizadas as tarefas de extinción. Indicaron que ardeu o garaxe da casa na súa totalidade, ademais, unha perruquería anexa á vivenda e un cuarto situado na parte superior, tamén se viron afectados polo fume.  

Incendio nun alpendre
Por outra banda, o CIAE tamén recibía esta madrugada, sobre as 05:00 horas, a chamada dun particular que informaba dun incendio nun alpendre da súa propiedade na Reigosa, na Avenida da Coruña, Friol (Lugo). A partir de aí, o 112 Galicia alertou aos Bombeiros de Vilalba que axiña se desprazaron ao punto. Tamén, a Garda Civil, os membros do GES de Guitiriz e os efectivos de Protección Civil foron informados polo persoal do 112.

Os membros de extinción comunicaron que tras chegar ao lugar, o lume xa fora sufocado.  Ardeu, unicamente, leña almacenada no alpendre sen afectar a nada mais.