Boletín informativo das 09:00 horas do día 02/01/18

martes, 2 Xaneiro, 2018 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Falece un viandante en Culleredo tras ser arroiado por unha furgoneta

Unha persoa faleceu esta noite en Culleredo despois de ser alcanzada por unha furgoneta que continuou a marcha.

Ocorreu sobre as 00:30 horas de hoxe na Avenida da Coruña, concretamente na zona do Burgo. Ata alí se desprazou un equipo de Urxencias Sanitarias, que nada puido facer por salvar a vida da persoa.

Ademais, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informouse aos axentes da Policía Local e da Policía Nacional co obxectivo de localizar e identificar o vehículo que seguiu a marcha tras provocar o atropelo que lle custou a vida a un viandante.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, tratouse dunha furgoneta branca que arroiou á persoa preto dunha parada de taxis situada na rúa principal do Burgo entre dúas sucursais bancarias.    

 

Os bombeiros liberan a un condutor atrapado tras un choque múltiple en Abegondo

Catro vehículos colidiron esta mañá na AP-9, ao paso polo concello coruñés de Abegondo en dirección a Santiago. Como consecuencia do golpe, o condutor do turismo implicado quedou atrapado no interior do vehículo, polo que tivo que ser rescatado polos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Betanzos. Unha vez liberado, foi evacuado por unha ambulancia de Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario de referencia.

O accidente produciuse ás 7:40 horas de hoxe e víronse implicados un tráiler, un furgón blindado, unha furgoneta e o turismo no que quedou atrapado o ferido. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, os catro vehículos colidiron en cadea despois de atopar o primeiro o turismo atravesado no carril dereito da autoestrada.

De feito, o 112 Galicia recibiu ao mesmo tempo a chamada doutro condutor que advertía dun vehículo parado no medio do carril. Intres despois producíase o accidente que se saldou cunha persoa ferida.