Boletín informativo das 09:00 horas do día 01/01/18

luns, 1 Xaneiro, 2018 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Falece unha persoa en Lugo por un escape de gas na súa vivenda

Unha persoa faleceu a pasada noite en Lugo a causa dun escape de gas na súa casa. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, na vivenda, situada na rúa San Isidro Labrador á altura do número 4, atopábase tamén outra persoa que tivo que ser trasladada ao Hospital Universitario Lucus Augusti, debido a unha intoxicación por inhalación de monóxido de carbono.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos a través da alerta dun particular ás 20:05. Indicaba que estaba chamando á porta da casa duns familiares e non lle contestaban, pero sentía soar o teléfono móbil dun deles.

A partir de aí, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Nacional, aos Bombeiros de Lugo, a Protección Civil e á empresa subministradora do gas.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, todo apunta a que a fuga de monóxido de carbono procedía da caldeira.